Sunday 28 de April de 2024

O sancristán Francisco xa ten a súa rúa no Mesón do Vento


‘Sacristán Francisco’ é o nome que dende hoxe aparece nas placas identificativas dunha das principais rúas da localidade de Mesón do Vento. Con este xesto os veciños e veciñas ríndenlle o seu particular tributo a Francisco Fariña Bouzas, unha das persoas máis queridas e aprezadas por toda a veciñanza da zona.
“Todos temos presente a Francisco e lembrámolo como un home bo que destacou pola súa dedicación, xenerosidade e entrega aos demais”, destacou Beatriz Martínez Candal, concelleira de Obras e natural do Mesón do Vento. “Poñéndolle o seu nome a esta rúa perpetuaremos o seu recordo no noso pobo”, asegurou ante un bo número de veciños, veciñas, amigos e feligreses. Tampouco faltaron representantes da corporación municipal, encabezada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
Foron os seus dous fillos, Iván e Rosa María Fariña Grela, os encargados de descubrir a placa co nome do seu pai, ante a atenta miradas de parientes e achegados do homenaxeado que non quixeron deixar de compartir con eles o momento.
Francisco Fariña, ‘Francisco o sancristán’ como comunmente era coñecido, comezou a colaborar na igrexa de San Andrés no ano 1996. Foron moitos os traballos e labores desempeñados na parroquia, na que enseguida conseguiu o aprezo e estima de todas e todos pola súa amabilidade, eficacia e xenerosidade entre outros valores. Ata o ano do seu pasamento, no 2014, Francisco Fariña axudou e foi unha peza fundamental para o día a día desta parroquia e dos seus feligreses.